Noticias 

FADEMGA Plena inclusión Galicia e a Consellería de Política Social chegan a un acordo que pon fin á convocatoria de mobilizacións

 

27/10/2025

 
Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2025. Tras meses de reivindicacións e dun intenso proceso de diálogo co Goberno galego, FADEMGA Plena inclusión Galicia informa de que, despois da reunión mantida o pasado 22 de outubro, e da nova xuntanza celebrada hoxe coa conselleira de Política Social, Fabiola García, federación e consellería chegaron a uns termos de acordo que foron expostos e debatidos nunha asemblea coas entidades federadas.
 
Durante a reunión, as entidades manifestaron a súa conformidade cos compromisos alcanzados, valorando positivamente os avances producidos e a vontade de consenso amosada por ambas partes para garantir a continuidade e a estabilidade do modelo do Concerto Social.
 
Como consecuencia deste acordo, FADEMGA Plena inclusión Galicia comunica que queda suspendida tanto a concentración prevista para o mércores 29 de outubro ante San Caetano, como as posteriores concentracións fronte ao Parlamento.
 
Dende FADEMGA Plena inclusión Galicia queremos agradecer o apoio, o compromiso e unidade de todas as entidades, profesionais e familias que fixeron posible manter firme a defensa dun sistema que garante a atención e os dereitos das persoas con discapacidade intelectual en Galicia.
 
FADEMGA Plena inclusión Galicia, é a Federación de asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual, que conta na actualidade con 42 entidades galegas federadas.
 
A misión do Movemiento Asociativo é contribuir, dende o compromiso ético, a que cada persoa con discapacidade intelectual e do desenvolvemento e a súas familias podan realizar o seu proxecto de calidade de vida, así como promover a súa inclusión como cidadáns de pleno dereito nunha sociedade xusta e solidaria
 
 
 

Archivada en:
Infórmate > Noticias